11 de abril de 2008

Coruña

O Museo de Belas Artes collerá o simposio "Torre de Hércores. FinisTerraeLux'

http://www.xornal.com/article.php3?sid=20080411122549

Cultura reunirá na Coruña expertos en Arqueoloxía, Historia e Patrimonio nun simposio sobre faros romanos coa Torre de Hércules como protagonista.

Do 1 ao 3 de xuño, A Coruña reunirá a expertos internacionais en historia antiga, arqueoloxía clásica, patrimonio e arqueoloxía. A conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, presentou na cidade simposio "Torre de Hércores. Finis Terrae Lux. Os faros romanos e a navegación occidental na Antigüidade", que se celebrará no Museo de Belas Artes, e terá a Torre como principal protagonista.

A conselleira e o director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, explicaron o contido dun simposio que aspira a convertirse nunha referencia internacional nos coñecementos sobre faros romanos e navegación antiga. O obxectivo é que na Coruña se poñan en común os coñecementos máis actualizados sobre este tema desde o punto de vista da Arqueoloxía, a Arquitectura a Historia e outras disciplinas.

O simposio servirá tamén para dar a coñecer novos datos e aproximacións á Torre de Hércules. A Consellaría de Cultura quere que este evento contribúa a apoiar a candidatura á declaración de patrimonio da humanidade da UNESCO. No simposio porase de manifesto a relevancia histórica deste faro, o único romano activo en todo o mundo.

O simposio está coordenado por Carmen Fernández Ochoa, catedrática de Arqueoloxía da Universidade Autónoma de Madrid. Conferencias, coloquios e unha mesa redonda configuran o programa. A Torre de Hércules será abordada dende varios ángulos, achegando novas perspectivas sobre a súa historia, a estrutura arquitectónica romana e o contexto arqueolóxico no que se encadra. Trataranse ademais diversos aspectos da navegación antiga e dos faros romanos, como a súa iconografía ou a súa presenza nas costas atlántica, mediterránea e cantábrica.


Promoción da candidatura á Unesco

Este simposio encádrase nas actividades de promoción da candidatura da Torre de Hércules para ser declarada patrimonio da humanidade. A Consellaría de Cultura e Deporte conseguiu que fose unha das dúas candidaturas elixidas polo Estado para presentar perante a UNESCO, organismo que xa aceptou formalmente a candidatura. A UNESCO resolverá a mediados de 2009 a súa inclusión na lista do patrimonio da humanidade.

O simposio contribuirá a reafirmar dende a perspectiva académica a importancia da Torre de Hércules, como único faro romano no mundo que segue en activo e como mostra única das torres de sinalización marítima levantadas polas civilizacións da Antigüidade. Exemplifica a tecnoloxía marítima e das técnicas construtivas romanas, á vez que é un vestixio da planificación da navegación a grande escala do Imperio Romano.


O programa do simposio

O simposio iniciarase o domingo 1 de xuño coa visita a lugares de interese histórico e arqueolóxico na Coruña: o Castro de Elviña, a Torre de Hércules e o Castelo de San Antón. O día 2 terá lugar o acto de inauguración oficial a cargo de Ánxela Bugallo e Felipe Arias.

A continuación iniciaranse as ponencias, que ese luns pola mañá terán como principal protagonista á Torre. O profesor J. Manuel Abacal da Universidade de Alacante exporá novidades en relación aos estudos de Cornide sobre a Torre de Hércules. Alfredo Vigo, da Universidade de Santiago disertará sobre a Torre e a Ilustración na Coruña. O arquitecto Pablo Latorre e o investigador do CSIC Luis Caballero achegaranse á construción do faro herculino, con novos datos sobre a súa estrutura romana.

Xa pola tarde Xosé María Bello, director do Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña pronunciará a conferencia "Brigantium e o seu faro. Contextos arqueolóxicos na cidade da Coruña". O arqueólogo Juan Naveiro falará de comercio e navegación atlántica na Galiza antiga. Pechará a xornada de novo J. Manuel Abascal, coa ponencia "Os faros romanos. A evidencia epigráfica".

A xornada do martes 3 de xuño abriraa a profesora Sara Santoro da Universidade de Parma (Italia) falará das escavacións dun faro romano na costa albanesa, na localidade de Durrës. Darío Bernal, da Universidade de Cádiz pronunciará unha conferencia co título "Os faros romanos entre o Mediterráneo e o Atlántico", e pechará a sesión da mañá Jorge de Alarcão do Instituto de Arqueoloxía de Coimbra cun relatorio sobre portos e faros do Atlántico portugués.

Pola tarde haberá dúas conferencias máis. A primeira a cargo de Carmen Fernández (Universidade Autónoma de Madrid) e Ángel Morillo (Universidade Complutense), sobre faros do litoral cantábrico e do Atlántico norte. Seguirá J. Antonio Suárez, que falará de faros e sinais de navegación a través da cartografía histórica.

O simposio concluirá cunha mesa redonda co título "A Torre de Hércules, arqueoloxía, historia e patrimonio cultural", presidida e moderada polo director xeral de Patrimonio, Felipe Arias. Participarán Jesús A. Sánchez e Ana Goy, da Universidade de Santiago de Compostela, e o subdirector xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, Federico Garrido. A asistencia ás conferencias, coloquios e á mesa redonda é libre ata completar o aforo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario