8 de junio de 2006

Sober - Lugo

Aparecen nunha aldea de Sober varios restos dun posible xacemento romano
 
 

A localidade do Taro está aínda sen catalogar como punto de interese arqueolóxico

Unha pedra labrada e pezas de cerámica foron postas ao descuberto polos labores agrícolas

Nun valado rústico do lugar do Taro destaca unha pedra que seguramente formou parte dunha antiga construción

?a aldea do Taro, na parroquia soberina de Figueiroá, consérvanse vestixios dun posible xacemento romano que ata agora estaba sen catalogar. O principal indicio visible no lugar consiste nunha pedra labrada que probablemente procede da cornixa dunha construción de certa importancia, que hoxe forma parte dun valado rústico nunha finca particular. No mesmo terreo encontráronse ademais numerosos fragmentos de tégulas -un tipo característico de tella romana, feita de arxila cocida- así como diversos restos de cerámica e escouras de ferro. Estes restos foron desenterrados hai xa bastantes anos a causa dos labores agrícolas. Outras pedras labradas achadas na mesma paraxe foron aproveitadas en diversas construcións dos arredores.

As pezas foron localizadas por Alfonso Campos, antigo director da escola de música de Sober e promotor de actividades culturais, quen pensou que no lugar podían existir restos arqueolóxicos por unha mención que encontrou no libro Descripción del término municipal de Sober , de Enrique Fernández Llano. Nesta publicación, de comezos dos anos 70, dise que en 1965 apareceron no Taro certas pezas que parecían restos de fornos. Por iniciativa de Campos, o arqueólogo Iván Álvarez efectuou un exame do lugar, confirmando que algúns dos mencionados elementos parecen ser de orixe romana.

Movemento de terras

O especialista, porén, puntualiza que aínda non se pode afirmar que os terreos alberguen un xacemento. «É posible que as pedras e as tégulas non estivesen orixinalmente neses terreos, porque, polo que parece, boa parte da terra que hai aí puido ser traída doutro lugar para facer un recheo», explica. «Aí debeu de haber un importante movemento de terras nalgún momento, porque unha parte da finca está máis elevada que o resto, rodeada dun muro de contención bastante alto. As pezas arqueolóxicas tamén puideron chegar doutro sitio, xunto con ese material de recheo», agrega.

A importancia do achado, polo tanto, consideráse limitada, aínda que supón unha nova confirmación do notable interese arqueolóxico do municipio de Sober e da comarca de Lemos en xeral. Nas proximidades do lugar onde se localizaron estes vestixios existe ademais unha mámoa, nun lugar co?ecido como A Capota, tamén sen investigar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario